|
CADERNO ABERTO
Galicia e Iberoamérica, un mundo literario por Miguel
Anxo Fernán Vello
Con este título tan acaído,
o PEN Clube de Galicia foi quen de organizar en Compostela
un encontro literario que, sen dúbida, responde a un
proxecto intelixente e atractivo que vai acompañado
dunha xusta visión estratéxica, cal é
situar o noso país como enclave simbólico e
real do mundo das letras arredor do galego como idioma literario
e de cultura: velaí, por exemplo, a rica urdime familiar
do portugués no Brasil ou a galaxia expansiva do castelán
no amplo espazo diverso iberoamericano. E Galiza como centro,
como foco irradiante, como ponte interlingüística
e intercultural. Porque o noso país está chamado
a ser peza fundamental e primordial dunha cadea de intercambios
enriquecedores, como soubo ver no seu día un emigrante
compostelán chamado Gumersindo Busto, que concibiu
a creación dunha Universidade Libre Hispanoamericana,
soño aínda hoxe non realizado, e unha gran Biblioteca
que levaría o nome de América, hoxe felizmente
existente, instalada no Pazo de Fonseca e, por certo, cumprindo
neste 2004 o seu centenario.
Tamén soubo ver isto a Asociación
Internacional de Amigos da Universidade Libre Iberoamericana
en Galicia (AULIGA), unha entidade -por certo, con sede legal
na Biblioteca América- que se centra, desde hai anos,
na creación dun foro iberoamericano que acolla e expanda
a creación multilingüe dos países unidos
basicamente polas linguas galega, castelá e portuguesa;
que, en conxunto, como di AULIGA, forman unha "koiné"
idiomática de seiscentos millóns de interlocutores.
Por todo isto e por moito máis hai que saudar este
encontro programado polo PEN Clube de Galicia, que trae á
nosa terra, entre outros, ao poeta arxentino Horacio Armani;
á tradutora e viúva de Julio Cortázar,
Aurora Bernárdez; ao poeta brasileiro Alexei Bueno,
á narradora panameña Gloria Guardia, ao poeta
peruano Alfredo Pérez Alencart; á biógrafa
de Borges e ensaísta, María Esther Vázquez,
á novelista Nélida Piñón e ao
poeta e presidente da Academia Brasileira de Letras, Iván
Junqueira. E non me esquezo dos amigos Reynaldo Valinho, David
Castillo, Ángel García López e Basilio
Rodríguez Cañada. Todos eles e moitos máis,
rodeados de escritores de noso, farán verdade un mundo
literario galego e iberoamericano que resoa na historia e
se proxecta no futuro.
MIGUEL
ANXO FERNÁN VELLO
O noso país está chamado
a ser peza fundamental e primordial dunha cadea de intercambios
enriquecedores. |